jueves, 28 de julio de 2011

Xosé Ramón Pousa presidirá o Consello Asesor da radio local

O profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela Xosé Ramón Pousa Estevez presidirá o Consello Asesor da radio local, unha das primeiras iniciativas de Son Radiofusión. O Consello prestará asesoramento e propoñerá liñas de actuación ás emisoras municipais galegas. Formarán parte deste organismo 15 persoalidades do mundo da comunicación, da cultura e da música de Galicia.

sábado, 23 de julio de 2011

Nace SonRadiofusión, unha asociación na defensa das emisoras municipais de radio en Galicia

Preséntase oficialmente este domingo ás 13 horas na Galería Central do Festigal
Conta co apoio de personalidades destacadas da música e a cultura de Galicia

SonRadiofusión xorde na rede de emisoras municipais de Galicia para procurar a unión de forzas de todas as persoas interesadas na defensa dos medios de comunicación máis próximos á cidadanía. Uns medios que teñen unha visión da actualidade propia e diferenciada das demais, que dan voz a persoas e colectivos que non teñen cabida noutros, e que ademais, emiten a súa programación en galego.

SonRadiofusión busca asociar o maior número posible de persoas que queiran axudar a manter e medrar o proxecto comunicativo das emisoras municipais galegas, algunhas das cales teñen máis de 20 anos de historia. Para isto, afirman que “queremos construir unha axenda informativa galega, porque Galicia tamén ten dereito a ter presenza informativa neste mundo globalizado”. Así mesmo, apostan “descaradamente” pola promoción da
lingua e da cultura galegas e defenden o pluralismo político e social. Tal e como se afirma no folleto de presentación: “todas as opcións deben ter posibilidades de expresión e comunicación”.

O profesor da USC, Xosé Ramón Pousa, presidirá o acto de presentación

O marco do Festigal, en Santiago de Compostela, é o escenario escollido para a presentación oficial desta asociación. Será este domingo 24 de xullo ás 13 horas na Galería central das letras e ideas, e participarán varios directores de emisoras municipais: Emilio Forxán de Radio Negreira, Nazaret López de Ames Radio e Henrique Sanfiz de Radio Fene e secretario das Emisoras Municipais Galegas (EMUGA).

O acto estará presidido polo profesor de radio da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Ramón Pousa, quen tamén vai formar parte do Consello Asesor de SonRadiofusión. Xunto a el, outras persoas destacadas da música e cultura galegas, como o gaiteiro Daniel Bellón ou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Carlos Callón, conformarán este órgano.